Que é?

A Comisión Europea adoptou no ano 2013 unha estratexia destinada a fomentar a infraestrutura verde nas distintas políticas: agrícola, forestal, ambiental, auga, pesca, medio mariño, desenvolvemento rexional, mitigación e adaptación ao cambio climático, transporte, enerxía, prevención de catástrofes e ordenación do territorio.

A Estratexia de Infraestrutura Verde de Galicia é unha ferramenta que, mediante solucións naturais, consegue eficazmente unha serie de obxetivos ecolóxicos, económicos e sociais. Os recursos dos que dispoñemos na natureza non son inesgotables, polo que a súa explotación e uso debe ser sostible e proporcional. Na práctica, a infraestrutura verde constitúe unha rede de zonas naturais e seminaturais planificadas estratexicamente, ademais doutros elementos ambientais, cuxo fin é xestionar os servizos proporcionados polos ecosistemas da forma máis sostible en termos ambientais e económicos. Esta práctica pódese dar tanto en entornos rurais coma urbanos.

Dentro destas prácticas atopamos a creación de muros e tellados verdes, a rexeneración de hábitats, pontes verdes que favorezan a mobilidade de especies, humedais, litorais, bosques naturais e un longo etcétera de distintas actuacións que se poderían levar a cabo.